Polémica visita da conselleira de Cultura a Pontevedra

    A estancia de Ánxela Bugallo en Pontevedra este martes non estivo exenta de polémica. No seu programa incluíuse unha visita ás obras de ampliación do Museo Provincial. Un erro protocolario desatou as críticas airadas dos responsables da Deputación, organismo que xestiona o museo. Rafael Louzán e Teresa Pedrosa consideraron unha falta de respecto institucional o feito de que a consellería non lles informara directamente desta visita.

    A presidenta executiva do Museo de Pontevedra, Teresa Pedrosa, e mailo presidente da Deputación, Rafael Louzán foron críticos coa organización da Concellería de Cultura por non ter contado coa colaboración da Deputación para preparar a visita ó concello. Louzán foi máis aló e falou de falta de respecto polas institucións en contra dos dereitos da cidadanía.

    Ánxela Bugallo, pola súa banda, defendeuse das acusacións vertidas alegando o dereito da súa Consellería a poder visitar unhas obras que están cofinanciadas por Cultura e aclarou que a visita fora solicitada oficialmente ó Museo. Sobre as críticas dos populares manifestou que obdecen a unha campaña de desprestixio que está levando a cabo o Partido Popular.

    As armas, por ambos bandos foron apartadas por uns intres á hora da visita. louzanbugallo221105.jpgÁs cinco e media da tarde, Ánxela Bugallo, acompañada do alcalde de Pontevedra e de varios directores xerais, entraba no recinto acoutado para as obras de ampliación do museo e saudaba amigablemente a Teresa Pedrosa e Rafael Louzán, que xa os estaban esperando.

    Con eles estivo o director do Museo, Carlos Valle, que se encargou de explicarlles os pormenores da actuación. Os responsables da deputación aproveitaron para solicitar a colaboración desta consellería no financiamento do equipamento interior do museo. Louzán adiantou que o proxecto xa estaría listo nos primeiros meses de 2006 e que podería ascender a máis de tres millóns de euros. Bugallo quixo deixar claro o compromiso da Xunta co Museo e sinalou que cando vexan o proxecto estudarán a súa achega.  louzanbugallocasco221105.jpg

    A pesares do enfado manifestado pola mañá, os responsables da Deputación non pediron explicacións á conselleira, e esta tampouco as ofreceu de motu propio. Bugallo restou importancia ó asunto ante os medios de comunicación e explicou que se puxeran en contacto co museo para anunciar esta visita. Louzán, tamén ante os medios, insistiu en que o museo é da Deputación e que o respecto institucional está por riba de todo.

    Redacción Salnés