A violencia dixital centra a programación do 25N en Ribeira

RIBEIRA> As violencias dixitais centrarán a programación contra a violencia de xénero do concello de Ribeira. Ademais das actividades de sensibilización en colaboración coa comunidade educativa desenvolverase unha campaña na rúa para axudar á sociedade a empatizar coas vítimas poñéndose na súa pel.

Xa dende principios de mes, o concello de Ribeira está a desenvolver distintas actividades nos centros educativos do municipio para sensibilizar e educar contra a violencia de xénero. Deste xeito, pretende que o acto institucional do propio día 25 non sexa unha mera representación senón que conte coa implicación real e consciente de tódolos participantes. Haberá tamén contacontos para os máis pequenos e un curso de defensa persoal.

A campaña deste ano, que pon o foco nas violencias dixitais, anima á sociedade a poñerse na pel das mulleres vítimas de violencia de xénero e tratar de entender os motivos polos que non racha co seu agresor.

Co obxectivo de chegar a toda a poboación, cada vez máis diversa no municipio, editáronse carteis en distintos idiomas representando a mulleres de distintas idades e culturas. Ademais da campaña propia, o concello de Ribeira sumarase ás iniciativas da Xunta e da Deputación da Coruña co gallo desta efeméride.