RIBEIRA > Cara á unha da tarde do pasado luns día 21 tivo lugar un novo accidente na vía rápida do Barbanza á altura da sáida de Taragoña, en Rianxo. A colisión entre un camión e un turismo saldouse cunha vítima mortal, unha muller de corenta anos veciña de Boiro. Como consecuencia do sinistro, a estrada tivo que permanecer cortada durante varias horas.
Lamentablemente a Vía Autonómica do Barbanza volveu cobrarse unha vida nun accidente acontecido á altura do quilómetro dezanove, na saída de Taragoña en Rianxo.
O sinistro produciuse pola colisión entre un camión e un Renault 19 con matrícula C-5059-AY. Como consecuencia resultou falecida a conductora do turismo, María Esther P. V., de corenta anos e veciña de Boiro. O conductor do camión, Rogelio E. D, de 59 anos e residente en Ribeira resultou ileso aínda que foi trasladado ó hospital debido a unha forte dor no peito.
A aparatosidade do accidente obrigou a corta-la vía rápida durante máis de dúas horas para proceder á retirada dos vehículos que quedaron completamente destrozados. A partir das tres da tarde, aproximadamente, habilitouse un carril para a circulación do tráfico aínda que as tarefas de limpeza continuaron ata ben entrada a tarde.
Este novo accidente volve a poñer de actualidade a polémica sobre a falla de seguridade nesta estrada na que a combinación entre o exceso de velocidade e as deficiencias no trazado da propia vía poden ser, como nesta ocasión, mortal.
Redacción Barbanza