BOIRO> A Casa veciñal de Cespón acollerá este venres a presentación do libro ‘Paio e o Gatipedro’. Ademais dun coloquio coas autoras, o acto inclúe unha representación teatral a cargo da asociación BarbanTEA.
‘Paio e o Gatipedro’ xa está á venda tras gañar o premio Alberte Quiñoi convocado polo concello da Estrada en colaboración coa editorial Galaxia. A súa autora, a boirense Milagros Torrado inspirouse xunto co seu fillo Roque nesta figura mitolóxica para construír un relato co que acompañar emocionalmente ós nenos con enurese nocturna.
As súas verbas, que combinan prosa e texto rimado, tomaron forma nas ilustracións de Laura Pérez co resultado desta fermosa publicación para nenos de cero a seis anos.
A presentación do libro terá lugar este venres na casa veciñal de Cespón. Organizan este acto a comunidade de montes Deira-Pedroso e a asociaciación cultural Barbantia. Xunto con eles, colaboran o concello de Boiro a asociación BarbanTEA que ten preparada a representación do texto cun elenco no que convivirán rapaces con diversidade e neurotípicos.
Os actores levan meses ensaiando con moita ilusión e tamén nervios para esta posta en escena que non deixará indiferente a ninguén. Se non queren perdela, teñen unha cita este venres ás oito en Cespón.











