SANXENXO > Sanxenxo acolleu a primeira gala de entrega de premios da revista ‘Business & Class’. Un dos galardoados foi o empresario galego Emiliano García de Celtic Stores Grupo que recibiu o premio á mellor iniciativa empresarial de mans de José Luis Vilanova Peña, conselleiro delegado de TDM, a editorial da revista.
Moitas caras coñecidas se deron cita en Sanxenxo na primeira entrega dos premios da revista ‘Business & Class’. Entre os presentes estaban o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o presidente da Deputación, Rafael Louzán ou o xornalista e voceiro do BNG en Cambados, Xosé Ramón Durán. Pero ademais dos personaxes locais, había moitas caras do mundo rosa, como Marina Castaño, a viúva de Camilo José Cela, a condesa de Montarco ou Alejandra Prat e Cuchi Pérez, filla de Florentino Pérez, que posaron uniformadas con pantalón e camiseta negra promocionando a revista. Unha publicación nacional na que Galicia ten unha gran presencia cunha edición propia.
A aposta por Galicia tradúcese na elección de Sanxenxo como sede da primeira gala de entrega de premios da revista. Foi no porto deportivo. Alí se deron cita os galardoados, que foron a cadea de hoteis e restaurantes de luxo Relaxató España, o modisto Elio Bernhayer e os empresarios, Juan Carlos Cebrián, director xeral de Inditex durante cinco anos, e Emiliano García. Este último ligado á comarca de Caldas, a onde volveu hai pouco tras desenvolver en Cataluña un gran grupo empresarial. Actualmente Celtic Stores desenvolve a súa actividade entre Cataluña e Galicia controlando todo o proceso productivo.
Con galas coma ésta Sanxenxo vaise consolidando como referencia turística nacional incluso fora da tempada estival, un obxectivo que se marcou o actual goberno local e que á vista dos últimos acontecementos se está a cumprir con creces.
Redacción Salnés