Meis incorpora un concurso de decoración de fachadas á súa programación de Nadal

MEIS> Meis xa ten en marcha o seu Nadal. O alumeado acenderase, iso si, o día 15 nun exercicio de responsabilidade e eficiencia enerxética.

O día 22 de decembro, como manda a tradición, celebrarase o mercado do galo de curral de Meis, que chega á súa décimo segunda edición. Dez criadoras daranse cita no mercado do Mosteiro, nunha xornada que inclúe un showcooking co galo de curral como protagonista. Ese mesmo día, o 22 arranca tamén a ludoteca LudoMeis Nadal, para fomenta-la conciliación laboral e familiar.

O día 30, no auditorio municipal celebrarase un concerto de Nadal de temática Disney, a cargo da Banda da Bertula. Xa o día 5de xaneiro terá lugar a recepción aos Reis Magos, con novidades se a meteoroloxía o permite. Se non chove, as súas Maxestades irán da casa do concello ao Mercado do Mosteiro en coche descapotable, nunha xornada que tamén inclúe animación musical. Entre tanto, a Gala Meisinos do Ano celebrarase este ano o 27 de xaneiro.

Ademais, están en marcha o quinto concurso de escaparates entre o comerio local e o de postais para rapazada de entre 3 e 16 anos. Neste caso, a postal gañadora empregarase para felicita-las festas de Nadal en nome da corporación municipal. A estes concursos súmase outro novo: un certame de decoración de fachadas de Nadal, no que pode participar toda a veciñanza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí