Sanxenxo consumiu 17 millóns de litros de auga por día durante a fin de semana

    SANXENXO> O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, recoñecía en rolda de prensa que a vila estivo a piques de quedarse sen auga a madrugada de este sábado ao domingo. As altas temperaturas e o importante aumento de poboación, durante esta primeira fin de semana de agosto, fixeron que se consumiran na vila máis de 17.000.000 de litros de auga por día.
    Martín fixo balance sobre como está a transcorrer a época estival na vila e como será a inmediata etapa posterior a mesma. Telmo Martín, asegura que están a traballar a bo ritmo, pero recoñece que aínda queda moito traballo por facer, ata conseguir o estado óptimo.
    O reforzo da seguridade durante as 24 horas ou a limpeza do municipio son só algúns dos puntos fundamentais para garantir o benestar dos cidadáns da vila durante a época estival, na que a súa poboación aumenta expoñencialmente.
    Martín tamén adiantou que nas vindeiras semanas solucionaranse temas como os do Pazo de Quintáns, a praia da Carabuxeira ou a mellora da Rúa Progreso. Ademais adiantou que nos meses de outubro ou novembro comezarase a buscar posibilidade para mellorar o entorno principal de Portonovo. Unha acción que durará varias lexislaturas, pero que será importante para a localidade.