Morlán aparta da selección nacional de piragüismo a Bea e Mascato

O GROVE > O director técnico da selección española de piragüismo, Suso Morlán, non conta nesta tempada con Alfredo Bea e David Mascato. Tras esta decisión, os palistas arousáns deberán afrontar os vindeiros compromisos internacionais en solitario.

Os piragüistas do Grove, Alfredo Bea e David Mascato, deberán prepararse pola súa conta se queren participar en vindeiras competicións internacionais. O director técnico da selección española de piragüismo, Suso Morlán, non conta con eles e apartounos do combinado nacional.

Os palistas arousáns teñen claro que se trata dunha decisión persoal que non os colleu por sorpresa. Alfredo Bea asegura que nesta pasada temporada o director técnico do cadro nacional ‘intentounos amargar’ e que incluso tratou de afastalos das finais das diversas competicións internacionais nas que tomaron parte.

Bea lembra que pola mesma situación que el e Mascato xa pasou a palista andaluza Beatríz Manchón e outros dous adestradores vinculados á selección española.  A pesar deste contratempo, Bea e Mascato non se renden e advirten a Morlán que ‘arrieros somos e no camiño nos atoparemos’.

Nesta andaina en solitario contan co apoio da Federación Galega de Piragüismo, que lles cubre os gastos de estancia nun piso alugado en Pontevedra e a manutención no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Tamén dispoñen dunha bolsa do Plan ADO, aínda que non lles é suficiente para contratar un adestrador. De todos modos xa contan co apoio dos preparadores tanto do Breogán do Grove como do Club de Poio.

Redacción Salnés