Porto do Son promove o deporte base cunha nova edición do ‘Peque Basket’

PORTO DO SON>Os pequenos afeccionados ó baloncesto teñen unha cita esta fin de semana en Porto do Son. Alí desenvolverase a terceira edición do Peque Basket que contará coa asistencia de máis de cincocentos deportistas de equipos de toda Galicia. Entre eles, os dous clubs da comarca: Noia e Santa Baia de Boiro. O sábado será a xornada dedicada ós máis pequenos. A partir das once menos cuarto da mañá comezarán os partidos das categorías de iniciación, entre catro e oito anos, e benxamíns, de oito a dez. Non haberá marcador nin gañadores xa que o obxectivo da xornada é que os pequenos se divirtan xogando e aprenda os valores deportivos en lugar de fomentar a competitividade. O mesmo acontecerá na xornada do domingo dedicada ós alevíns en categoría masculina e feminina. Os partidos disputaranse no pavillón David Vidal de Portosín, no que se habilitarán tres pistas interiores e dúas exteriores, a utilizar en función das condicións meteorolóxicas. Ademais dos partidos desenvolveranse actividades paralelas como obradoiros, xogos populares, inchables e mesmo un taller de reanimación impartido pola Cruz Vermella. Dende o concello colaboran tanto loxística como economicamente neste evento organizado polo Club de Baloncesto de Porto do Son. Ademais da vertente deportiva, o encontro contribúe a dinamizar o sector turísitico do concello xa que, segundo apuntou o edil de deportes MAnel Deán, estímase que pasen pola vila máis de mil persoas en cada xornada.