PONTEVEDRA> O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro venres a estrea do documental “Pontevedra gaña con elas”. Unha peza audiovisual coa que se pretende poñer en valor o papel das mulleres no deporte. Ana Penas, Teresa Portela ou Bea Gómez son algunhas das persoas que colaboraron neste proxecto.
Ana Penas, Teresa Portela, Bea Gómez ou Lydia Pérez. Esas son algunhas das mulleres que participaron neste documental. “Pontevedra gaña con elas” naceu co obxectivo de homenaxear a loita e os éxitos do deporte feminino pontevedrés e así darlles a todas elas o recoñecemento que merecen.
O documental foi producido por Miguel Riaño, guionizado pola xornalista Silvia Vieito e editado polo realizador Fernando Portela. O produtor explicaba así hoxe os reto cos que se atoparon á hora de facer esta peza audiovisual.
A adestradora do Arxil é outra das grandes protagonistas deste documental. Mayte Méndez fixo fincapé hoxe no esforzo que supón para as mulleres combinar o seu ámbito familiar co deportivo e o laboral. Ademais, quixo tamén enviar unha mensaxe a toda a sociedade.
“Pontevedra gaña con ela” estrearase o vindeiro venres ás 20:00 horas no Teatro Principal. A entrada será de balde pero debido ao protocolo Covid, todos os que queiran asistir deberán inscribirse a través do correo electrónico info@metropolis.coop