O BNG de Sanxenxo pide a paralización das obras do Concello

    SANXENXO > O BNG de Sanxenxo solicita ó alcalde que paralice de forma inmediata as obras de reforma que se están levando a cabo na Casa Consistorial. Os nacionalistas entenden que no convenio asinado no seu día coa Consellería de Xustiza se contempla só a remodelación do edificio pero non a súa demolición. Denuncian ademais que a obra tampouco ten licencia municipal.

    As obras iniciadas esta semana na Casa Consistorial de Sanxenxo están a ser motivo de polémica no seo da corporación municipal. O BNG asegura que está a favor dunha remodelación do edificio pero non co proxecto que pretende levar a cabo o goberno local e que contempla a demolición da parte do concello que dá á Avenida de Madrid. Para o BNG esto é unha aberración. Os nacionalistas datan a orixe do edificio en 1836 e cren que pola súa antigüidade ou valor arquitectónico debería manterse. Ademais consideran que estas obras non solucionarán as carencias da casa consistorial.

    O BNG denuncia tamén que o goberno local non cumpriu co acordado no convenio coa Xunta á hora de remitir en prazo os xustificantes do investido. Polo tanto, os nacionalistas tratarán de buscar o apoio das consellerías de Xustiza e Cultura para paralizar estas obras.

    Fronte a isto, o equipo de Telmo Martín asegura que o edificio que se pretende demoler carece de valor arquitectónico algún. Lembra que se construíu hai 45 anos sobre a base dunha vivenda de principios de século. Di ademais que é un bo exemplo do feísmo arquitectónico e que se esperou a que pasara a Volvo Ocean RACE para acometer a reforma. O PP explica ó BNG que non necesita licencia para as súas obras, senón dunha resolución do alcalde e dos informes dos técnicos municipais, e que foi isto o que se levou a pleno o martes.

    Redacción Salnés