Tourís advirte a Medio Rural de que cumpra os convenios asinados

    CAMBADOS > Os alcaldes do Partido Popular non descartan novas medidas de presión para esixir que a Consellería de Medio Rural cumpra os convenios asinados pola anterior Xunta. O alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, asegurou que seguirá adiante co contencioso administrativo e reclama ó goberno autonómico a execución das trece obras anuladas nas parroquias de Cambados.

    300cambadostouris091205.jpgO alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, e o concelleiro de Obras, José Antonio Domínguez, visitaron varias das pistas anuladas no Plan de Medio Rural. A primeira parada fíxose en Castrelo. Nesta parroquia quedou sen executar este ano a pavimentación e limpeza en dez viais. Ademais da pista de Couto de Abaixo a Couto de Arriba, os responsables municipais estiveron no vial da Xesteira. En ambos vense signos evidentes de deterioro no firme con baches recentemente parcheados con grava polo concello.

    O mesmo sucede na pista que une o lugar de San Antón, en Vilariño, con Vilanova, necesitada dunha capa de aglomerado para evitar o deterioro constante do seu firme. Tamén no lugar da Balsiña, en Oubiña, que dá acceso a casas e fincas e cun quilómetro de lonxitude. Na relación de obras anuladas figura outro vial en Corvillón.

    Os responsables municipais constataron a indignación dos veciños polo mal estado no que se300cambadoscamino091205.jpg atopan estes viais, a maioría con máis de vinte anos de antigüidade e necesitados dunha boa pavimentación. O alcalde quixo deixar claro que son viais que se atopan no rural e que ademais de dar acceso a vivendas tamén dan entrada a fincas.

    Nunha situación similar a Cambados están outros concellos galegos. Os alcaldes populares están dispostos a seguir adiante co contencioso administrativo contra esta anulación de obras. Están pendentes dunha reunión co presidente da Xunta pero se non se produce antes de final de ano están dispostos a tomar novas medidas de presión.

    Cores Tourís esixe o cumprimento do convenio asinado en maio do ano pasado co anterior goberno autonómico. O alcalde cambadés non aceptará que sexa a Consellería de Medio Rural quen lle impoña ós concellos que obras pode ou non facer.

    Redacción Salnés