Vilagarcía e O Grove volven estar rexidas por socialistas

    SALNÉS> Vilagarcía e O Grove volven ser socialistas. Sen sorpresas, nos plenos de investidura confirmouse que serán as listas máis votadas as que gobernen en minoría nos vindeiros catro anos. Alberto Varela e José Antonio Cacabelos recuperaron a alcaldía para o PSOE, despois dun último mandato con gobernos populares á cabeza.

     

    En Vilagarcía, os oito concelleiros socialistas foron suficientes para que a formación recuperara Ravella. Despois dun paréntese de catro anos do popular Tomás Fole, Alberto Varela senta xa na alcaldía.

    O pleno de investidura non trouxo sorpresas. BNG, Partido Popular e Somos Maioría optaron por votar en branco. Non así Esquerda Unida: os tres edís concentraron os seus votos no seu candidato, Jesús López.

    Non houbo votos en branco en O Grove. Cada un dos cinco partidos presentou e apoiou o seu candidato, pero esta opción tamén lle valeu ao socialista José Antonio Cacabelos para recuperar a alcaldía, para el mesmo e para o PSOE. Ao igual que Varela, gobernará en minoría, despois de catro anos de goberno popular. Diálogo e un novo plan urbanístico foron as promesas que lanzou no seu discurso despois da investidura.

    Ademais de recuperar Vilagarcía e O Grove, os socialistas confirmaron o sábado dous dos seus bastións na comarca. Na Illa de Arousa, Manuel Vázquez entregaba o bastón de mando ao seu número dous, o tamén socialista Carlos Iglesias. Iglesias gobernará con maioría absoluta, despois de perdela no 2011.

    Onde tamén foi un trámite a toma de posesión foi en Catoira. Alberto García mantense á fronte do concello, posto que ocupa dende 1989.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/15/vilagarcia_grove.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/15/vilagarcia_grove.mp4{/flowplayer}