SANXENXO > O goberno municipal de Sanxenxo decidiu levar a pleno a ratificación da aprobación definitiva de trece solos urbanizables e dous PEI. A tramitación xa pasou antes pola alcaldía e pola Xunta de Goberno Local pero existe ambigüidade sobre a quen compete esta materia. Unha decisión que xa espertou as críticas do BNG.
O Consello da Xerencia de Urbanismo de Sanxenxo inclúe hoxe unha proposta da xerente para levar a pleno a ratificación da aprobación definitiva de trece solos urbanizables e dous PEI. Segundo informa o goberno local, existe certa ambigüidade sobre a competencia da aprobación definitiva dos plans parciais dos solos urbanizables. O secretario do Concello di que compete ó alcalde, quen delega na Xunta de Goberno Local. Sen embargo, outras fontes xurídicas non o teñen tan claro. Para garantir a máxima seguridade, o equipo de Telmo Martín decidiu que sexa o pleno quen ratifique a aprobación definitiva dos solos urbanizables.
O Concello lembra que dos 30 previstos no PXOM foron aprobados definitivamente trece deles. Estes suman en total unha edificabilidade de preto de 663 mil metros cadrados e xeran máis de 530 mil de cesións públicas. En canto ós PEI, os que xa dispoñen de aprobación definitiva e que o pleno ratificará son o 12 en Vilalonga e o 10 en Portonovo. Ambos supoñen unha edificabilidade de preto de 22 mil metros cadrados e xeran máis de 18 mil de cesións públicas.
Esta decisión foi moi criticada polo BNG. O grupo nacionalista cre que é a situación máis grave en materia urbanística que se deu en Sanxenxo e achácaa a mala tramitación dos instrumentos de planeamento. Acusa ó alcalde de manexar persoalmente tódolos asuntos urbanísticos con mentalidade de promotor, incluídos aqueles que non son da súa competencia. Con esta proposta, o BNG entende que a alcaldía quere emendar un acto nulo e salvar as súas costas. Advirte ademais que se levarán a pleno feitos consumados que poden carrexar graves prexuízos ó concello. O voceiro nacionalista asegura que o seu grupo pedirá as máximas responsabilidades.
Redacción Salnés