A oposición rexeita recurrir a multa que a Xunta reclama a Nauta Sanxenxo

    SANXENXO > A oposición de Sanxenxo non apoiou unha moción do PP na que se rexeita a multa imposta pola Xunta a Nauta e herdada do anterior propietario, Dávila Lago. O goberno local está disposto a recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O asunto foi abordado onte dúas veces, primeiro na xunta extraordinaria de Nauta e logo no pleno ordinario.

    A decisión da Xunta de reclamar a Nauta Sanxenxo a multa de 851 mil euros imposta no ano 2000 ó porto deportivo foi este martes motivo de debate na corporación municipal. Primeiro na Xunta extraordinaria de Nauta e logo no pleno, onde o PP presentou unha moción na que pediu o rexeitamento á medida da Xunta e o apoio dos grupos para presentar un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alcalde explicou que tiña un compromiso da anterior Xunta de non executar esta multa e no case de facelo que os cartos se reinvestirían en Sanxenxo.

    A oposición non apoiou esta moción. O BNG considera que hai moito escurantismo en Nauta Sanxenxo e reclamou máis documentación sobre a compravenda do porto deportivo. A multa que agora se lle reclama a esta sociedade foi asumida nese contrato xunto con outros avais pendentes de pago pola anterior concesionaria Davila Lago. O voceiro nacionalista considera que o alcalde tivo cinco anos para pedir á Xunta que se retirara.

    O grupo socialista pediu expresamente que Nauta pague a multa, xa que dispón de recursos suficientes para facerlle fronte. A portavoz Dulcinea Aguín lembrou que o porto deportivo se comprou cunha multa e pediu a Nauta que non atrase o pago.

    O alcalde explicou que con esta moción quería demostrar ós veciños que a oposición non dá o seu apoio a Nauta para que lle retiren a multa e evitar que sexan os veciños quen paguen.

    Redacción Salnés