Pais e docentes da Illa defenden a familia como axente preventivo

    ILLA DE AROUSA > Estar alerta e implicarse na prevención do consumo de drogas, foron as mensaxes que se puideron escoitar onte no Outono Preventivo da Illa de Arousa. Nesta ocasión reuníronse nunha mesa redonda docentes e ANPAS do colexio e do instituto, do SPAD de Vilagarcía e de Illaeduca para defender a familia como axente preventivo.

    O Concello da Illa de Arousa clausurou este xoves as actividades do Outono Preventivo, un ciclo de conferencias e mesas redondas sobre a prevención do consumo de drogas. Nesta última xornada reflexionouse sobre o papel da familia como axente preventivo coa participación do SPAD de Vilagarcía, de Illaeduca, de ANPAS e docentes tanto do colexio A Torre como do instituto da Illa de Arousa.

    Os poñentes abordaron o papel da familia na formación dos mozos, facendo fincapé na importancia fundamental da institución para evitar hábitos de consumo de drogas nos adolescentes. Desde as asociacións de pais de alumnos quixeron deixar claro que o alcol e as drogas son un inimigo moi forte e que se necesita a implicación dos proxenitores para axudar ós rapaces a facerlles fronte.

     

    Nesta edición do Outono Preventivo, o concello da Illa buscou a implicación tanto dos pais como dos propios nenos e adolescentes. Desde mediados de novembro desenvolvéronse diversas conferencias e mesas redondas nas que se presentou a droga como un problema social, se falou do movemento de Nais contra a droga, e se defendeu o deporte e a familia como axentes preventivos.

    Redacción Salnés