Pontevedra > Finalmente, e para sorpresa de moitos, o xuízo do crime de Guillán saldouse nesta xornada, na Audiencia provincial, cun acordo entre as partes. A Fiscalía solicitaba inicialmente 10 anos de prisión, pero tras chegar a un acordo coa familia da vítima o proceso pechouse cunha condena de dous anos, e evitar deste xeito volver a xulgar o crime.
Santiago Gómez Lorenzo recoñeceu neste luns que en setembro do 2012 disparou ao seu irmán provocándolle lesións que lle causaron a morte, foi o coñecido crime de Guillán. O xulgado popular xa o declarara culpable dun delito por homicidio no ano 2014, pero tras varios recursos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Supremo despois, tras moitos recursos, anularon o veredicto do xurado o que obrigou a volver a celebrar este xuízo cun novo xurado e un novo presidente. Un xuízo que finalmente non se celebrou tralo acordo entre as partes ao que tamén se adheriu a Fiscalía.
Santiago Gómez foi condenado a dous anos de prisión como autor dun delito de homicidio por imprudencia en concurso con outro de lesións dolosas, a prohibición de achegarse á viúva e fillas do seu irmán durante catro anos e ao pago dunha indemnización de 180 mil euros á esposa do falecido e de 18 mil euros a cada unha das súas fillas.
Esta condena a dus anos implicará que o acusado xa non ingrese en prisión, pois xa cumpriu un ano e dez meses de prisión preventiva.