O Flavia sitúase líder da Preferente Norte

BARBANZA > Balance máis que positivo esta pasada fin de semana para os equipos da comarca do Barbanza na liga de Rexional Preferente. Boiro e Flavia gañaban por idéndico resultado, un a cero, ó Vizoño e Ordes respectivamente, mentres o Ribeira caía derrotado na Coruña polo Imperator por dous goles a un.

O partido do Flavia decidiuse grazas a un gol de Sergio no minuto 19 da primeira metade. Os primeiros 45 minutos do encontro foron igualados e sen ocasións claras de gol. Despois do descanso o Ordes dominou un pouco máis e levou a iniciativa no xogo aínda que foron os padroneses os que tiveron máis oportunidades para aumenta-la vantaxe por medio de Sergio e Lopo. O Ordes mesmo puido consegui-lo empate nos minutos finais do encontro grazas a unha clara ocasión de Chequi. A vitoria do Flavia sitúao como líder da categoría con 35 puntos. Despois de 17 encontros disputados os padroneses conseguiron a vitoria en dez ocasións, empataron en cinco e tan só perderon en dúas. A vindeira semana xogarán contra o Vizoño.

Por idéntico resultado vencía tamén esta pasada fin de semana en Barraña o Boiro contra o Vizoño. O gol do conxunto que adestra Tono Ínsua chegaba xa na primeira metade por obra de Carolo.O xogo foi moi deslabazado durante todo o encontro, con apenas ocasión para os dous conxuntos.No minuto 86 foi expulsado por dobre cartón amarelo o local Pichi. A vitoria sitúa ó Boiro na sexta praza da clasificación. A vindeira semana xogará en Lugo contra o Quiroga.

Pola súa banda o Atlético Ribeira non puido traer un resultado positivo da Coruña onde caeu derrotado polo Imperator por dous goles a un. O equipo ribeirés conseguiu adiantarse no marcador poucos minutos despois de que o arbitro pitara o inicio do partido, grazas a un gol de David no minuto tres. Luís empataba para os coruñeses no minuto trece. Xa na segunda metade Cabanas, no 61, establecía o definitivo dous a un co que se chegaría ó final do encontro. O Ribeira atópase situado na décimo sexta praza. A vindeira semana xogará na casa contra o Sada.

Polo que respecta á categoría de Primeira Rexional o Unión de Asados perdía no seu desprazamento á Coruña contra o Orillamar por dous goles a un. O Cordeiro gañaba ó Olímpico por dous goles a un, mentres que o encontro disputado entre o Cacheiras e o Noia foi suspendido a consecuencia dunha liorta entre os xogadores dos dous conxuntos.

Redacción Barbanza