Amegrove puntuará dobre na última regata en Vigo

amegrove250_270809.jpgSALNÉS> A Liga Galega de Clubes chegou a esta solución tras rexeitar varias propostas feitas polos de Porto Meloxo. Amegrove aínda tería opcións de loitar polo subcampionato.

Esta fin de semana péchase a competición na Liga Galega, en Vigo, onde salvo catástrofe se proclamará campiona Cabo de Cruz.

Pero a nova hoxe é a resolución do caso Amegrove, houbo que agardar ata a derradeira bandeira para resolver un problema xurdido na primeira regata da temporada.

Despois de hora e media de xuntanza, os clubes chegaron a un acordo. Tras varias propostas feitas por Amegrove, todas rexeitadas, finalmente aceptouse que os de Porto Meloxo puntúen dobre en Vigo, en compensación á descalificación sufrida en Muros. Ademais tamén levaranse o equivalente no aspecto económico.

Polo tanto Amegrove métese na loita polo subcampionato. Debería gañar e agardar a varios picazos dos seus rivais, pero ten posibilidades de ascender postos na clasificación, algo impensable hai uns días.

Redacción Salnés