O concello de Ribeira acometerá obras presupostadas nun total de novecentos mil euros

    RIBEIRA > O executivo local de Ribeira que preside Xosé Luís Torres Colomer vén de adxudicar obras por un valor superior ós novecentos mil euros.
    Entre as actuacións incluídas figuran a construción dun Pavillón Polideportivo en Artes e a mellora de diversas rúas do casco urbano de Ribeira.

    A Xunta de Goberno do concello de Ribeira adxudicou obras por un valor superior ós 900 mil euros.A primeira delas, por valor de máis de 366 mil euros irá destinada á construción dun polideportivo na parroquia de Artes, e será realizada pola empresa Construcións Oñial, cun prazo de execución de 4 meses.

    A edificación deportiva que se vai executar nunha parcela contigua ó actual colexio, presentarase exenta e independente ó centro educativo para facilita-lo acceso de tódalas persoas ó recinto.

     O recinto contará cun gran espazo en planta baixa no que se incluirá unha pista deportiva, vestiarios e aseos, así como tamén unha zona de bancada.

    O goberno ribeirés adxudicou tamén a reposición dos pavimentos da rúas Pedro Arias e adxacentes, cun prezo de licitación de 360 mil euros, á empresa Gaos Contratas e Construcións e un prazo de execución de tres meses.

    Esta zona coñecida como das Casas Baratas é unha das áreas máis populares do casco urbano de Ribeira e está localizada en pleno centro da cidade, entre o Conservatorio Municipal e os Xulgados.

    As obras en cuestión contemplan a demolición dos actuais pavimentos das beirarruas que serán cambiados por lousas de pedra e o fresado da capa asfáltica da rúa, a reposición da rede de auga potable e sumidoiros e a instalación de novo alumeado e mobiliario urbano.

    O executivo ribeirés tamén adxudicou á empresa Construcións Ponciano Nieto s obras de mellora das redes de auga e saneaemnto na rúa Agro da Area cun prazo de execución de dous meses así como a construción de beirarrúas na zona das Sidreiras cun prezo de máis de 78 mil euros e que serán realizadas pola empresa Construcións jenaro Cadaval.

     Estas obras que estarán rematadas a principios de ano forman parte do programa de humanización de Ribeira e veñen a sumarse a outras actuacións que contribúen a incrementa-la calidade de vida dos veciños deste municipio.

    Dende o concello solicítase tamén a comprensión dos veciños polas molestias que as obras lles poden causar.

     

    Redacción Barbanza