RIANXO> Un bo número de persoas asistiu este pasado sábado ó seu funeral que tivo lugar na igrexa parroquial de Santa María de Asados. Rianxo despedía esta pasada fin de semana ó seu tenente de alcalde, Carlos Gey, nun multitudinario funeral celebrado na súa aldea natal en Asados. A comitiva fúnebre partiu ás cinco e media da tarde do sábado dende a vivenda familiar, na que se realizou o velorio, ata a igrexa parroquial de Santa María onde tivo lugar o oficio relixioso. No acto tomaron parte destacados representantes da vida social e política, non só da comarca do Barbanza, senón tamén do ámbito provincial e autonómico, que coa súa presenza quixeron arroupar á familia do edil socialista nestes difíciles momentos. Unha vez rematado o funeral, os seus restos mortais foron trasladados ata o tanatorio de Boisaca, en Santiago, para seren incinerados, nun acto na máis estrita intimidade. Ese mesmo día pola mañá, a corporación municipal rianxeira celebrou tamén un pleno extraordinario. O alcalde, Adolfo Muíños, visiblemente afectado, foi o encargado de dar lectura a un acordo institucional dos tres grupos políticos con representación municipal: BNG, PSOE e PP no que se establecía decretar tres días de loito oficial, suspender as actividades institucionais durante ese tempo e porse a disposición da familia para participar nos actos que se establezan. Aínda así as palabras máis emotivas viñeron da man do tamén edil, Joaquín Domínguez, compañeiro de filas de Gey no PSOE. O propio Domínguez continuou o acto coa lectura dun poema de Miguel Hernández, ´’Elejía a Ramón Sijé’, en homenaxe a Carlos Gey, a cuxo remate, se produciu un longo e sentido aplauso por parte de tódolos asistentes que nese momento ateigaban o salón de plenos. E tódalas miradas confluiron nun mesmo punto, a rosa encarnada que ese día, na súa memoria, ocupaba o seu lugar habitual nas sesións plenarias. Ese día baleiro.
Inicio Barbanza - Muros - Noia