O GROVE > Descontentos e pesimistas. Así se amosan quen participaron en Santiago de Compostela na mesa de negociación convocada pola Xunta para arranxar o problema do peche da factoría grovense de Porto Meloxo. A empresa non cede e o traslado parece inminente.
Os representantes da conservería Bernardo Alfageme vetaron a participación do concello na mesa porque, din, trátase dun conflicto estrictamente laboral. O martes 20 celébrase unha nova reunión ás 11 que, de non cambiar o parecer da empresa, porá punto e final ó conflicto co peche definitivo de Marsac.
Trala mesa de negociación celebrada o 19 en Santiago parece que esa vía non será a contemplada pola conserveira e que finalmente levará a cabo o peche con tódalas consecuencias. Na mesa participaron, ademáis de representantes de Marsac, o Director Xeral de Traballo, Vázquez Portomeñe, a Directora Xeral de Relacións Laborais, o comité de empresa, CC.OO e o alcalde meco.
A empresa non acepta que estea presente o concello na xuntanza, argumentando que se trata dun conflicto laboral, pero Miguel Ángel Pérez reafirmou o compromiso unánime dos cinco grupos políticos e de máis dun tercio da sociedade, que se ten manifestado en contra do traslado. A empresa aceptou reunirse novamente, pero puxeron como condición para facelo a non asistencia de políticos mecos. Os representantes da plantilla acudirán co firme propósito de evitar o peche definitivo e non de negociar as condicións do traslado, que é o único que parecem estar dispostos a pór sobre a mesa os representantes da conserveira de Bernardo Alfageme. Comisións Obreiras e o comité representado por Mari Carmen Caneda están dispostos a levantarse da negociación e exercer outras medidas de presión no caso de que a empresa siga coa idea do peche.
O sentir xeral de quen se opón á drástica medida que pretende levarse a cabo na factoría grovense é que a empresa se sitúa á marxe da lexislación dende o principio e que o que pretende non é tan só deixar fóra as traballadoras mecas, senón partir a historia de todo un pobo. Asimesmo, segundo representantes sindicais, a Admistración debería exercer máis forza ou, cando menos, esixirlle á empresa que se sente a negociar sobre o problema e non prantexando o peche como un feito prácticamente consumado.
Á xuntanza en Compostela non asistirá Vazquez Portomeñe, pero si a directora Xeral de Relacións Laborais.
Redacción Salnés