O PP de Ribadumia presenta en pleno un orzamento de 2,6 millóns

    pleno_ribadumia100.jpgRIBADUMIA> A corporación municipal de Ribadumia debaterá o luns nun pleno extraordinario a aprobación do orzamento do Concello para este ano 2011.

    As contas ascenden a algo máis de 2,6 millóns de euros, un 2,56 por cento menos que no pasado exercicio. O goberno local sinala que se aumentan os ingresos por impostos sobre natureza urbana, xa que se fixo unha revisión do importe de obras atendendo ó padrón de 2010. Sen embargo, indica que se reducen os ingresos sobre construcións e obras, e que tamén diminúe o capítulo 4 en 300.000 euros coincidindo co remate do Obradoiro de Emprego.

    Entre as principais partidas de gastos o documento destacan os preto de 400.000 euros para sufragar os programas e axudas de Servizos Sociais. No eido cultural e deportivo, inclúen preto de 200.000 euros para axudas a asociacións, clubs e entidades locais, mantemento das instalacións municipais, programación cultural e deportiva, escolas deportivas municipais, ou cursos.

    En canto a investimentos, o PP indica que se reforzan as partidas destinadas á conservación do patrimonio e das infraestruturas, e que se inclúen outras para poñer en marcha servizos demandados polos veciños, como casos puntuais de saneamento, mellora do punto limpo e ampliación de contedores, silla elevadora na Casa da Cultura de Ribadumia, mellora do Centro Social de Sisán, proxecto para a Casa da Xuventude de Barrantes, mobiliario funerario para o tanatorio, melloras no colexio, humanización de estradas ou implantación de puntos de luz de aforro enerxético. Para investimentos e mantemento de infraestruturas destínanse 628.000 euros.

    Redacción Salnés