VILAGARCÍA > O Gato Negro de Carril celebrou esta fin de semana a asemblea para a elección de novo presidente. A asociación cultural non pasa polo seu mellor momento. Os socios reunidos non amosaron especial interés en continuar co labor desenvolvido durante vinte anos por José Luis Mulét.
O obxectivo principal da asemblea celebrada onte era o da elección dun novo presidente para a entidade. Un obxectivo que non se acadou xa que non foi presentada candidatura ningunha nin no prazo establecido nin durante a reunión. José Luís Mulét, presidente da sociedade durante máis de vinte anos, manifestou a súa intención de deixar as rendas da asociación e fixo fincapé en que se presente xente nova con novas e modernas ideas que vaian atraendo ós máis mozos. E ese é precisamente un dos problemas principais da entidade: a falta de actividades novedosas.
Unha crítica que se fixo notar durante o transcurso da reunión por parte dos asistentes. O aínda presidente Mulét recoñeceu a dificultade de rexuvenecer a media dos socios de Gato Negro xa que se puxeron diversas iniciativas en marcha pero non obtiveron os resultados agardados. Pese ás críticas recibidas os socios presentes na asemblea aprobaron a xestión de Mulét e animaron a actual directiva a continuar, algo ó que se negaron e que derivou nunha nova convocatoria de asemblea para o vindeiro 7 de xaneiro. Ata entón a directiva intentará atopar un novo grupo de persoas que impidan a desaparición a medio prazo de Gato Negro.
Redacción Salnés