Xoán Castaño xa non é alcalde de Catoira

CATOIRA> Xoán Castaño xa non é alcalde de Catoira. O rexedor oficializou a súa dimisión nun pleno breve e sen sorpresas. Agora o goberno ten un prazo de dez días para convocar unha nova sesión na que se investiría o novo alcalde. Hoxe o socialista Alberto García insistía en que presentará a súa candidatura. Pola súa banda, o popular Iván Caamaño explicaba que o Partido Popular votará a proposta das súas siglas.

Así oficializaba Xoán Castaño a súa dimisión como alcalde de Catoira. A falta de once días para cumprir un ano no cargo, o nacionalista abandona o seu posto para facilitar un goberno progresista co PSOE. A súa renuncia permitiu esquivar a moción de censura acordada entre PP e os socialistas de Alberto García; tres dos cinco edís do PSOE, liderados por Daniel Touriño, desmarcáronse a cambio da marcha de Castaño.

A sesión desta mañá transcorreu sen sorpresas. Agora teñen dez días para convocar o pleno de investidura e escoller un novo alcalde. O exalcalde Alberto García xa anunciou que non pensa renunciar en favor de Touriño, e presentará a súa candidatura.

O Partido Popular, que hai menos dun ano votaba a favor de Castaño e lle entregaba a alcaldía, hoxe celebraba tamén a marcha do nacionalista. Ata o último momento temían que o xa exrexedor retirara a súa dimisión.

Na sesión tamén tomou posesión un novo concelleiro do Partido Popular. Gustavo Comparada entra para substituír a María Raquel Rey, que renunciaba á súa acta a finais de febreiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí