BOIRO > O Secretario de Organización e Acción Electoral do PsdeG-PSOE, Ricardo Varela, asistiu onte pola noite en Boiro a unha reunión da executiva comarcal desta formación política. A xuntanza encádrase no calendario de visitas de Ricardo Varela ás agrupacións locais para coñecer de primeira man a situación do partido en cada zona co fin de fortalece-la organización de cara as eleccións municipais do ano 2007.
De cara a mellora-los resultados nas vindeiras eleccións municipais a celebra-lo ano 2007, a executiva comarcal do PSOE mantivo unha xuntanza en Boiro co Secretario de Organización e Acción Electoral do PsdeG-PSOE, Ricardo Varela.
No transcurso da mesma os membros da executiva comarcal analizaron a situación na que se atopa actualmente a agrupación, co obxectivo de duplica-lo número de alcaldías que ten esta formación na zona, poñendose como reto logra-lo bastón de mando en seis concellos.
Precisamente Ricardo Varela confía en que o Partido Socialista acade uns bos resultados nos próximos comicios locais. Xustifica este optimismo no feito de que a actual cxuntura resulta favorable e ademais o PSOE, pola súa tradición municipalista e polo xeito de facer política local, sempre recibiu unha boa acollida da sociedade.
O secretario comarcal do PSOE no Barbanza, Blas García, ratificou estas previsións e trasladoulle a Ricardo Varela a satisfacción dos compañeiros socialistas polo xiro social e a cohesión territorial que se imprimiu tanto á Administración Autonómica coma ós orzamentos para o próximo ano 2006.
Blas García destacou tamén a importancia da preocupación dos gobernos do Estado e Autonómico por favorece-lo despegue da comarca, con inversións en materia de infraestruturas terrestres, como o desdobramento da Vía Rápida ou a estrada Santiago-Noia.
Segundo o secretario comarcal dos socialistas tamén se van a levar a cabo actuacións en materia portuaria en varios concellos como é o caso de Ribeira onde se acometerá a tan ansiada ampliación da dársena exterior.
Dende o PSOE barbanzán tamén se salientou o esforzo que se realizará en potencia-lo chan industrial, non só mediante inversións concretas nos polígonos existentes, senón que por primeira vez se fala dunha proposta concreta e firme de polígono comarcal cunha gran bolsa de terreo para uso industrial.
Redacción Barbanza