Boiro Novo critica as políticas turísticas de Arousa Norte

    BOIRO> Ademais consideran que a Mancomunidade representa un claro exemplo de déficit democrático, xa que nos seus órganos de xestión non hai representación de tódolos grupos políticos con representación nas corporacións municipais. A recente viaxe a Madrid realizada pola Mancomunidade Arousa Norte para participar en FITUR, foi un motivo máis que suficiente para que a asamblea cidadá Boiro Novo criticase a súa función, fundamentalmente no eido turístico. Dende esta formación aluden a que a entidade supramunicipal está a levar a cabo unhas políticas turísticas erradas, sen ningún tipo de planificación e rigor. Segundo eles un exemplo desta nefasta promoción obsérvase na propia páxina web da entidade, con numerosos atrancos e erros, que contrasta precisamente co tipo de turismo de accesibilidade que se quere promocionar. Dende Boiro Novo critican tamén o déficit democrático que presenta a Mancomunidade, na que non existe representación de tódolos grupos políticos que forman parte das corporacións municipais dos catro concellos que integran Arousa Norte, o que supón a imposibilidade de fiscalización das decisións adoptadas.