A Dorna e o Martes de Entroido seguirán sendo festivos en 2018

    RIBEIRA> O día da Dorna e o martes de entroido seguirán a ser os festivos locais de Ribeira en 2018. Así o acordou a corporación no pleno celebrado a pasada tarde despois de que non saíra adiante a proposta do PP para recuperar a festividade de Santa Uxía. O PP tan só contou co apoio da concelleira non adscrita, Lola Elorduy, na súa proposta de recuperar a festividade da patroa en substitución do martes de entroido. Os votos en contra do BNG, Ciudadanos, IPdeR e dous edís do PSOE xunto coas abstencións dun concelleiro socialista e un edil non adscrito impediron sacar adiante esta modificación polo que o día da dorna e o martes de entroido seguirán sendo festivos en 2018 mentres que Santa Uxía será laborable. A polémica en torno á designación de festivos locais non é nova posto que hai dous anos decidiu substituirse a patroa polo día da Dorna. Agora, o PP tentaba recuperar o doce de setembro en lugar do martes de entroido, algo que non caeu ben entre a oposición nin tampouco entre o sector empresarial do municipio. Dende a patronal local emitiron un comunicado solicitando que se teña en conta a opinión dos profesionais á hora de designar os festivos locais e unha vez aprobados gocen dunha certa permanecia e non sometelos a cambiios continuis que dificultan a programación da actividade económica e social. No transcurso da sesión plenaria que se prolongou ata pasadas as once da noite procedeuse tamén á aprobación da conta xeral do pasado exercicio así como da nova ordenanza reguladora das licenzas urbanísticas.