Reforzo na vixilancia na Pobra

    POBRA > O incremento dos roubos en establecementos comerciais da Pobra do Caramiñal durante as últimas semanas está a levantar unha certa preocupación  na localidade, especialmente no sector empresarial. Este mércores representantes da patronal local mantiveron unha xuntanza no concello co alcalde, Isaac Maceiras, e co comandante dos postos da Garda Civil de Boiro e Pobra, así como tamén co Xefe da Policía Local, co fin de buscarlle unha solución ó problema.

    Na xuntanza mantida no concello da Pobra do Caramiñal participaron o Presidente da Asociación de Empresarios, Manuel Domingo Rodríguez, o Comandante de Posto e Tenente da Garda Civil de Boiro e Pobra, Santiago Ruíz, o Xefe da Policía Local pobresa e o propio alcalde, Isaac Maceiras.

    Na reunión o presidente da patronal local manifestou a preocupación e o malestar que existe no municipio, especialmente no sector empresarial polo incremento de roubos rexistrados nos últimos días, chegándose a perpetrar máis de tres roubos nunha noite.

    Dende o concello pobrés informóuselle de que estes días estase a incrementa-la vixilancia en todo o municipio, cun servizo especial de seguridade cidadá coordinado polo Tenente da Garda Civil de Boiro e Pobra, con persoal de paisano e outras compañías deste corpo de seguridade do Estado, así como pola Policía Local.

     

    Redacción Barbanza