A Policía Local de Boiro baixo mínimos

    BOIRO > O importante número de baixas rexistradas no corpo da Policía Local de Boiro obrigou a suspende-lo servizo nocturno durante os martes, mércores e xoves de xeito indefinido. As chamadas que reciba a policía boiresa entre as once da noite e as sete da mañá serán desviadas ó cuartel da Garda Civil.

    O concelleiro delegado da Policía Local, Xoán León, xa remiteu un escrito á subdelegada do goberno, Obdulia Taboadela, solicitando colaboración para poñer fin a esta problemática.

    A día de hoxe, dez dos dezasete integrantes da plantilla da policía local atópanse de baixa por enfermidade ou lesións mentres que dous están de vacacións e outro compaxina as súas actividades coa labor de conserxe na casa da cultura.

    A medida de suspende-lo servizo de vixilancia durante as noites dos martes, mércores e xoves manterase de forma indefinida ata que se reincorporen os traballadores de baixa.

    Os axentes que actualmente se atopan en activo mantiveron onte unha reunión con representantes do executivo na que expresaron o seu malestar ante esta situación posto que supón un incremento considerable do seu traballo.

    Pola súa banda, Xoán León explicou que dende o concello agárdase que as baixas non se prolonguen demasiado e afirmou que non hai que sospeitar malas intencións dos axentes que colleron a baixa coincidindo co Nadal.

     

    Así mesmo, o concello xa anunciou a convocatoria de dúas novas prazas de policía local de xeito que a plantilla pasará a estar integrada por dezanove traballadores, aínda que para iso haberá que agardar aínda un tempo.

     

    Redacción Barbanza