A CIG reclama o control das importación de peixe e marisco

    GALICIA > A central sindical CIG demanda da Consellería de Pesca o control das importacións de peixe e marisco. A CIG advirte que invaden os mercados sen ningún tipo de control e sen garantías sanitarias. Unha situación que consideran inadmisible tendo en conta os problemas que atravesa o marisqueo en Galicia por mor da marea vermella.

    O marisco adoita ser un prato imprescindible en calquera menú dos que se preparan nas ceas e comidas de Nadal, polo que visita a peixerías e prazas de abastos está a ser masiva estes días. En todo caso a campaña non parece que vaia ser moi boa para os productores galegos por mor da marea vermella que aínda afecta a practicamente tódolos polígonos das rías.

    Ante esta situación, o sindicato CIG advertiu hoxe da venda de marisco foráneo sen ningún tipo de control nos mercados galegos. O secretario sectorial de Marisqueo e Acuicultura da CIG, Salvador Ribadomar, demanda da Consellería de Pesca e do goberno central o control das importación de peixe e marisco. Considera un escándalo que permitan esta clara competencia desleal, tendo en conta que os mariscadores galegos están a sufrir sen ningún tipo de axuda as consecuencias da paralización da extracción de marisco afectado por toxina.

     

     

    Ribadomar afirma que é inadmisible que mentres os productores de Galicia estean sometidos a severos controis estes non se apliquen a mariscos procedentes doutros países, e que estes incluso carezan de garantías sanitarias. A CIG esixe entón que se fiscalicen estas importacións para evitar tamén que o consumidor sexa enganado. Ademais o sindicato demanda medidas urxentes para paliar a grave situación do marisqueo e reitera a súa petición de que os mariscadores afectados por marea vermella estean exentos do pago das cotas de Seguridade Social.

    Redacción Salnés