PONTEVEDRA> A Consellería de Sanidade definiu os usos que terán os centros do actual Complexo Hospitalario de Pontevedra.
{flowplayer}images/salnes/CONSELLEIRA_SANIDADE_PONTEVEDRA.flv{/flowplayer}
Os novos usos dos dous hospitais virán completar os servizos ofrecidos polo de Montecarrasco. Un proxecto ambicioso que, segundo a conselleira, foi deseñado coa colaboración de profesionais da sanidade e de diferentes institucións.
O Provincial centralizará a atención psiquiátrica, cun centro de día e as unidades que agora se atopan en Lérez e Mollabao. Tamén acollerá novas unidades de rehabilitación e fisioterapia ambulatoria e un centro Interxeracional, que funcionará como residencia para maiores e estudantes. O plan inclúe espazos para aulas, o arquivo histórico de documentación clínica e asociacións de enfermos. Do recinto demoleranse preto de 15 mil metros cadrados para humanizar espazos con parques e xardíns.
En Montecelo establecerase un centro de rehabilitación para persoas con dano cerebral adquirido e discapacidade física, que será de referencia para o sur de Galicia. As instalacións tamén acollerán un centro de media estancia e rehabilitación psiquiátrica, unha residencia para maiores asistidos e unha unidade de respiro familiar.
O orzamento preciso para estas obras ou o tipo de xestión que terán algunhas destas unidades, non foron aclarados pola conselleira, que insistiu na aposta da administración autonómica pola sanidade pública.
Redacción Salnés