Xosé Lois Piñeiro, reelixido como candidato de Nós Pobra á alcaldía

POBRA> Xosé Lois Piñeiro repetirá como candidato de Nós Pobra á alcaldía. O actual alcalde saíu elixido co apoio unánime da asemblea celebrada esta fin de semana. O obxectivo do candicdato e do seu equipo é seguir a traballar co fin de acadar a maioría absoluta de cara ás municipais do 26 de maio, posto que na actualidade gobernan en minoría.

Xosé Lois Piñeiro resultou reelixido en primeira votación ó contar co respaldo maioritario da asemblea. Charo Varela, actual concelleira de Facenda será a súa número dous e os outros dous edís con responsabilidades de goberno integrarán tamén a lista en postos de saída. A pesar do amplo consenso en torno ós nomes elixidos, a asemblea prolongouse máis de catro horas posto que os estatutos establecen a votación individual de tódolos membros.

Nestes tres meses que restan para as eleccións, a candidatura de Nós Pobra ten por diante un arduo traballo. O obxectivo é dar a coñecer os logros acadados ata o de agora e os proxectos pendentes de executar que xa están encamiñados pero non se poderán facer realidade na presente lexislatura.