O delegado da Xunta destaca as obras de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres

RIANXO> O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, comprobou esta mañá en Rianxo o resultado das obras de rehabilitación levadas a cabo nas antigas vivendas dos Mestres. A actuación, para a que a Xunta realizou unha achega duns 150 mil euros, permitirá poder destinalas a alugueiro social.

Acompañado do alcalde, Adolfo Muiños, o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o primeiro dos bloques das antigas vivendas dos mestres que foi rehabilitado grazas a unha achega da Administración Autonómica para destinalo a alugueiro social de xeito temporal daquelas familias do municipio en situación de emerxencia.

O Concello traballa xa nunha segunda fase, que permitirá recuperar para uso social outro dos bloques destas vivendas.

Segundo os datos que manexa o departamento municipal de Servizos Sociais, actualmente son oito as familias que precisan deste equipamento. A intención do executivo é poder dar cobertura a tódolos demandantes de cara ó vindeiro ano unha vez aprobado tamén o regulamento de uso do espazo.