![]()
RIANXO> O proxecto da Área de Rehabilitación de Rianxo segue avanzando coa próxima apertura da oficina urbanística ó longo deste mes.
{flowplayer}barbanza/aririanxo.flv{/flowplayer}
Máis de oitocentas construcións, nos núcleos de Fincheira, Rianxo e Rianxiño, inclúense nesta área de rehabilitación urbanística que ten por obxectivo a recuperación de vellos inmobles segundo o seu aspecto orixinal.
Para elo, os propietarios das vivendas poden optar a unha serie de subvencións por parte das distintas administracións que ascenderán a un máximo de nove mil euros.
Para asesorar ós veciños sobre os trámites e os requisitos para optar ás axudas é preciso a posta en marcha dunha oficina urbanística que se prevé abrirá as súas portas ó longo deste mes. O concello xa iniciou o proceso para a contratación dun enxeñeiro e dun administrativo e xa dispón do espazo para emprazar a oficina, na rúa Adro, onde se ubicaba anteriormente o servizo de recadación.
Unha vez posta en marcha, poderán comezarse a tramitar as subvencións. Terán prioridade as obras menores que non precisen de proxecto. Ademais da rehabilitación das vivendas por parte dos particulares, o concello procederá á recuperación dos espazos públicos con materiais nobles e dotando ós distintos núcleos de servizos básicos para a súa posta en valor.
Redacción Barbanza








