POBRA> Os axentes do Grupo Greco Galicia da Policía Nacional, coa axuda de axentes adscritos á comisaría de Ribeira, tiveron coñecemento dunha descarga de cocaína na madrugada do sábado, nas inmediacións das praias da Lombiña-Cabío e a Illa, na Pobra do Caramiñal.
O operativo, permitiu, nun primeiro momento, a localización duns 80 fardos, ó redor de dúas toneladas de cocaína, que ían transportados nun remolque que acabou envorcado cando os narcos se sentían perseguidos na fuxida.
Na tarde do sábado, na zona da Virxe do Monte, os axentes da Policía Local da Pobra procederon á detención de tres varóns de nacionalidade colombiana que presuntamente están relacionados coa descarga, polo que foron trasladados á comisaría de Ribeira, á espera de pasar a disposición xudicial.
Ó parecer camiñaban desorientados, na procura dun taxi, facéndose pasar por peregrinos, circunstancia que levantou as sospeitas.
Pero o operativo deu un paso máis a pasada noite, co achado doutros 80 fardos máis, agochados tras unhas matogueiras nunha zona próxima á que se cre que puido ser a do lugar da descarga.
A investigación, que segue aberta baixo segredo, representa un dos maiores alixos de cocaína incautados en Galicia no que vai de ano.











