O concello de Ribeira fai pública a lista de adxudicatarios das vivendas sociais

    RIBEIRA > O executivo local de Ribeira vén de sacar a exposición pública a lista provisional dos adxudicatarios das 21 vivendas sociais que se constrúen na zona de Xarás. A lista permanecerá exposta no taboleiro de anuncios do propio concello ata o vindeiro 17 de xaneiro, data ata a que estará tamén aberto o prazo para a presentación de alegacións.

    No taboleiro de anuncios do concello de Ribeira xa se pode ve-la lista provisional dos adxudicatarios solicitantes das 21 vivendas de promoción pública que se constrúen na zona de Xarás, nas inmediacións do polígono industrial da localidade.

    A lista permanecerá a exposición pública ata o vindeiro 17 de xaneiro. Durante este prazo calquera persoa que presentou a correspondente solicitude poderá formular reclamacións no concello, debéndose realizar no propio rexistro xeral.

    Hai aproximadamente dez meses a empresa Seixo iniciaba as obras de construción das 21 vivendas sociais financiadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda cun presuposto total que se achega ó millón e medio de euros.

    A actuación levantou dende un primeiro momento unha gran expectación na localidade e foron moitas as persoas que se interesaron por poder acceder a unha destas vivendas, chegándose a contabilizar unhas 54 solicitudes.

    Entre os requisitos para optar a elas figuraba o feito de residir ou traballar en Ribeira dende hai dous anos como mínimo e carecer de casa ou finca urbana en propiedade. Así mesmo, os ingresos da unidade familiar solicitante debían estar entre 0’7 e 2’5 veces o salario mínimo interprofesional.

    A boa marcha das obras fai pensar ó executivo ribeirés que as vivendas poidan estar finalizadas nos prazos previstos nun principio, polo que poderían ser entregadas ós seus futuros propietarios antes do remate do ano que vén.

    Precisamente o alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, destacou a importancia desta actuación que pretende facilitarlle o acceso a unha vivenda a aquelas persoas que polos seus recursos non poden acceder a un piso sen axuda.

    Redacción Barbanza