A ampliación do emisario erradicará os vertidos de Castiñeiras

    RIBEIRA > O concello de Ribeira ten previsto poñerlle fin os vertidos que se producen na praia de Castiñeiras de cara ó vindeiro ano. A intención do executivo pasa fundamentalmente por amplia-lo actual emisario polo que se contratará a unha empresa especializada en traballos submarinos. As obras poderían comezar en xaneiro.

    Dende hai varios anos, os veciños de Castiñeiras veñen denunciando os vertidos que se producen na praia da localidade, sendo de maior incidencia na época estival debido á afluencia de bañistas ó areal.

    Sen ir máis lonxe durante o pasado verán o concello mesmo chegou a instalar carteis informativos nos que se desaconsellaba o baño na zona próxima á rampa debido á existencia de emisións contaminantes.

    Para solucionar este problema de cara ó ano que vén, o executivo ribeirés ten previsto acometer unha mellora no actual emisario para evitar que se sigan producindo os vertidos, polo que contratará a unha empresa especializada en traballos submarinos para que amplíe a conducción, xa que a actual remata no inicio mesmo da praia, o que provoca que de xeito continuo saian á superficie residuos urbanos.

    Outro dos problemas existentes radica na inexistencia dunha rede de separativa de augas pluviais e fecais, polo que cando chove moito o emisario leva demasiada cantidade de auga e as bombas atáscanse, o que ocasiona frecuentes avarías.

    Con esta actuación o goberno local que preside Xosé Luís Torres Colomer pretende que as análises realizadas periodicamente pola Xunta de Galicia non volvan a ser negativas.

    Redacción Barbanza