Pouco respaldo ó proxecto para peonalizar un novo treito de Rosalía de Castro

RIBEIRA> Trala xuntanza da mesa de accesibilidade celebrada esta semana, o concello de Ribeira recibirá ós afectados pola posible ampliación do treito peonil na rúa Rosalía de Castro. A proposta non conta con demasiados apoios.

Tras finalizar a primeira fase da humanización no casco urbano de Ribeira, o concello estuda ampliar a peonalización a un novo treito da rúa Rosalía de Castro, comprendido entre a rúa Marcial de Adalid e a casa do concello. Esta proposta será debatida cos veciños, comerciantes e demais afectados nunha xuntanza á que están convocados a próxima semana.

Se ben a ampliación non ten moi boa acollida, o certo é que os ribeirenses si están satisfeitos co treito peonalizado que xa se abriu ó público posto que supuxo unha importante dinamización do comercio local ó tempo que se gañou un novo espazo de lecer

Un dos principais colectivos afectados por este cambio sería o dos taxistas posto que a actual parada tería que mudarse á rúa de Lugo. Entre estes profesionais hai disparidade de criterios; mentres uns ben con moi bos ollos a peonalización de todo o centro outros consideran que sería preciso regular mellor o tránsito dos vehículos de servizo público por estas zonas.

A próxima semana, os representantes de tódolos colectivos afectados terán ocasión de expoñer o seu punto de vista nunha nova reunión da mesa de Accesibilidade de Ribeira.