Sae a exposición pública o proxecto de rexeneración de Barraña

    BOIRO > O proxecto de Rexeneración da Praia de Barraña saíu esta mañá a exposición pública. As persoas interesadas en acceder a esta documentación poderán facelo nas dependencias da Demarcación de Costas de Galicia, na Coruña, ou no propio concello de Boiro, contando cun prazo de vinte días para a presentación de alegacións dende a súa publicación no Boletín Oficial da Coruña.

    A redacción deste proxecto, iniciado durante o anterior goberno do PP, xa saíra a concurso en abril de 2002 coas previsións de estar materializado a finais de 2003 pero as complicacións derivadas da ampliación do proxecto inicial retrasaron a súa conclusión ata hoxe.

    O tripartito decidiu modifica-lo borrador inicial por mor das indicacións da Confraría de Cabo de Cruz que solicitou que non se moveran os bancos de area existentes na zona xa que esta medida prexudicaría ó sector marisqueiro. Esta modificación implicaba a necesidade dunha maior cantidade de area seca co que aumentaba o espazo de praia a rexenerar. Así mesmo, foi precisa a elaboración de diversos estudos de viabilidade e informes medioambientais xa que o anterior goberno tan só tiña elaborado un borrador preliminar.

    Estas actuacións trouxeron consigo un importante incremento do presuposto que pasou dos tres millóns de euros iniciais ata case o dobre. Esta decisión provocou duras críticas da oposición que acusou ó executivo local de retrasar intencionadamente o proxecto e incrementa-los custos por “intereses meramente partidistas”.

    A rexeneración da Praia de Barraña constitúe unha actuación de enorme importancia de cara á recuperación integral do bordo litoral do concello boirés. Esta obra complementaría outros proxectos acometidos polo executivo local como son a rexeneración do entorno do Río Coroño, o paseo marítimo e a recuperación da costa de Escarabote e a rexeneración da zona do Esteiro.

    Segundo o primeiro Tenente de Alcalde boirés esta actuación virá a darlle unha solución definitiva á falla de áridos que presenta o areal dende hai tempo.

    Redacción Barbanza