Éxito de público e vendas na primeira xornada de ‘Boiroferta’

    BOIRO> A feira de oportunidades, situada na praza da Boqueira de A Negral, está organizada pola Asociación Boirense de Empresarios e prolongarase durante toda a fin de semana. Ó redor duns vinte comercios de distintos sectores participan na novena edición da feira de oportunidade de Boiro que esta mañá abría as súas portas e que se prolongará ó longo de toda a fin de semana. Dende primeiras horas da mañá a carpa situada na praza da Boqueira de A Negral foi rexistrando unha importante afluencia de clientes. Ata a carpa tamén se achegaron membros do equipo de goberno, entre eles o alcalde, Xoán Xosé Dieste, ou a edil de Comercio, Helena Teixeira. Os dous destacaron a importancia deste tipo de iniciativas e o éxito de público. A feira estará aberta ata o domingo, en horario ininterrompido de once da mañá a once da noite. Dende a Asociación Boirense de Empresarios agardan repetir o éxito acadado en edicións anteriores grazas en parte ó cambio de ubicación posto que a carpa volve a situarse no centro da localidade, contando cunha ampla zona de aparcamento. Como principais novidades nesta edición volverá a estar a zona de xogos para os mais cativos e un sorteo presencial de cen euros cada día entre aquelas persoas que realicen as súas compras na feira.