Mª Xosé Alfonso estréase como alcaldesa trala súa inesperada investidura

    MUROS> María Xosé Alfonso estreouse como alcaldesa de Muros despois do repentino cambio de rumbo propiciado pola votación favorable do PSOE no pleno de investidura. Contra todo pronóstico, os socialistas renunciaron a presentar candidatura propia e votaron á cabeza de lista de Compromiso por Galicia. Aínda aterrando no concello e repoñéndose da sorpresa que supuxo a súa inesperada investidura como alcaldesa, María Xosé Alfonso asume as súas novas funcións como rexedora. Entre as primeiras tarefas, recadar información dos distintos departamentos municipais e abordar os asuntos de maior urxencia. Alfonso lidera un goberno en minoría con tan só tres concelleiros, posto que son a terceira forza en votos, que lle obrigará a buscar puntos comúns co resto dos grupos na procura de acordos puntuais. Esta insólita situación vén despois de que os catro edís socialistas votaran a favor da súa investidura a pesar do público desencontro entre ambas candidaturas que non conseguiron nin chegar a sentarse a falar dun posible pacto de goberno. As condicións que no seu día Compromiso por Galicia impoñía ó PSOE ou a calquera outra forza para entrar a formar goberno serán agora asumidas polo partido de goberno. Transparencia, participación e austeridade sentarán as bases do novo executivo muradán que buscan un cambio de rumbo na forma de facer política. Polo momento, aínda non teñen deseñado o reparto de concellerías dado o inesperado da súa elección, Os tres representantes repartiranse as distintas áreas en función da súa formación e a alcaldesa asumirá as competencias do seu departamento. Non descarta tampouco continuar co seu traballo como docente sempre que as súas obrigas como rexedora llo permitan. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/15/cambio_goberno_muros_1506151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/15/cambio_goberno_muros_150615.mp4{/flowplayer}