RIBEIRA > O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha iniciativa parlamentaria en relación ó Plan de Usos do Parque Natural de Corrubedo. Segundo os nacionalistas é preciso aprobar unhas liñas de actuación para a xestión deste espazo co obxectivo de evitar actuacións que poidan afectar negativamente ó entorno, como as piscifactorías contempladas no Plano de Parques de Tecnoloxía Alimentaria.
A deputada do grupo parlamentario do BNG responsable da comarca do Barbanza, Ana Pontón, solicitou a elaboración dun Plan de Usos e Xestións para o Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e as Lagoas de Carregal e Vixán. Ó longo dos últimos anos, diferentes asociacións e colectivos veñen demandando a elaboración deste plan para evita-la realización de intervencións ilegais neste espazo natural.
O parque constitúe un dos entornos naturais máis importantes de Galicia, conformado por unha grande duna móbil e dúas lagoas, unha de auga doce e outra salada, con enorme riqueza de fauna e flora.
Segundo os nacionalistas, o feito de que o anterior goberno da Xunta de Galicia non tivera elaborado un plan de usos e xestións do parque natural pon de manifesto a ‘deixadez’ dos anteriores responsables da administración que deberían ser os encargados de garantir a protección e conservación da natureza.
A situación tórnase especialmente grave ante as previsións contempladas no Plan de Parques de Tecnoloxía Alimentaria da costa galega que contemplan a creación dunha piscifactoría ó carón desta zona e a ampliación da existente en Couso. Polo momento, a Consellería de Pesca e Asutos Marítimos comprometeuse a revisar estes proxectos co obxectivo de evita-la destrución dos bens naturais das costas galegas.
Redacción Barbanza