Pontevedra acolle a inmigrantes de 78 países, a maioría, mulleres latinoamericanas

    PONTEVEDRA > A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia mailo Concello de Pontevedra asinaron a finais de ano un convenio por valor de 90.000 euros que potenciará a labor da Oficina de Atención a Inmigrantes.

    Segundo os datos recollidos no mes de decembro, están censados en Pontevedra preto de 3000 inmigrantes, o que supón un incremento de máis do 50% dende o ano 2002.

    O Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez González, comprometíase o 27 de decembro a colaborar na integración dos emigrantes dotando ós concellos do financiamento suficiente para a posta en marcha de programas de integración. Esta é a primeira vez que o concello de Pontevedra asina un convenio coa Xunta de Galicia, que ten por obxectivo facilitar a iinclusión social e laboral dos inmigrantes. O presuposto total ascende ós 90.000 euros e destinaránse a programas no ámbito escolar, á promoción dunha imaxe positiva da inmigración ou á difusión de información relativa a inserción laboral, entre outros.
    A Oficina de Atención a Inmigrantes atende diariamente as dúbidas na súa sede, situada no Chalé Fontoira. Ata alí se desprazaron para coñecer as actividades que se levaron a cabo durante o 2005 e para prantexar as que comezarán no vindeiro ano, grazas ó convenio asinado. O secretario xeral anunciou tamén a convocatoria dun premio que recoñeza as iniciativas que fomenten a inserción inmigrante dende unha perspectiva integral e innovadora. En Pontevedra, na actualidade hai 2945 inmigrantes censados, procedentes de 78 países diferentes. Segundo as estatísticas, a maioría son mulleres e a procedencia principal é Latinoamérica.  

    Redacción Salnés