As rúas recuperan pouco a pouco a vida nesta fase da desescalada

BARBANZA/SALNÉS/PONTEVEDRA> Dende o sábado xa podemos saír á rúa a pasear ou a facer deporte. Tras case 50 días de confinamento pola pandemia do COVID-19, comezan a chegar as primeiras medidas da agardada desescalada.

Esta medida deixou imaxes de paseos cheos e rúas que pouco a pouco van recuperando a vida. Iso si, con novidades como a recomendación das luvas e as máscaras hixiénicas e a obriga de manter a distancia de seguridade e adaptarnos á franxa que nos corresponde segundo a nosa idade.

Recordemos que as persoas de entre 14 e 69 anos poden facelo entre as 6 e as 10 da mañá ou as 8 da tarde e as 11 da noite, acompañadas por unha persoa coa que convivan no caso dos paseos. Os maiores de 70 anos ou persoas dependentes poden facelo entre as 10 da mañá e as 12 do mediodía e as 7 e as 8 da tarde. Para os nenos menores de 14 anos resérvase a franxa central do día: entre as 12 e as 7 da tarde, e poderán saír tres xuntos acompañados dun adulto.

Dende os concellos explican que apenas se rexistraron incidentes. Por exemplo, en Vilagarcía presentáronse só 25 denuncias por non respectar as normas, a gran maioría por desprazamentos indebidos. Só unha estivo relacionada co incumprimento das normas específicas desta fase da desescalada: unha parella que permitiu que os seus fillos se bañaran na praia do Preguntoiro, algo prohibido neste momento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí