O 99% dos turistas de 2005 recomendaría Pontevedra como destino turístico

    PONTEVEDRA > A provincia de Pontevedra supera cun notable alto o nivel de satisfacción dos turistas que nos visitaron durante o verán. A falta de sinalizacións e os malos accesos reciben as maiores críticas, anque preto do 99% dos turistas recomendarían a nosa provincia como destino turístico.

     

    Éste é un dos datos que se desprende da enquisa que realizou o Patronato de Turismo Rías Baixas durante os meses de agosto e setembro. No caso do Salnés, as oficinas de información e o aloxamento son os puntos mellor valorados, destacando sobre o resto de zonas.

    O estudo realizouse tralo reparto de máis de 3000 fichas en 62 establecementos: balnearios, hoteis, casas de turismo rural, campings, museos, oficinas de turismo e balnearios. A empresa pontevedresa Ideara realizou unha enquisa a 1200 turistas, despois dunha media de 15 días trala súa visita á provincia. Segundo os datos, a idade media dos turistas ronda os 40, están casados e non teñen fillos ó seu cargo menores de 16 anos. O interior da provincia acolle a turistas de Galicia mentres que os madrileños optan polo litoral.
    O presuposto medio por persoa ascende a 100 euros ó día e a estancia media é de entre 8 e 9 días. Os turistas valoran mellor o aloxamento que a restauración, así como a amabilidade e o trato. Quéixanse sen enbargo dos malos accesos e da falta de sinalización de moitos lugares. Neste sentido, o presidente da Deputación anunciou que xa se están colocando novos sinais e que de cara ó vindeiro ano estará rematado o Plan de sinalización turística posto en marcha en toda a provincia. O dato máis significativo é o relativo á fidelidade e recomendación do destino:un 99% recomendaría a provincia como destino turístico.

    Redacción Salnés