Un estudo sitúa as comunicacións como o principal factor negativo da economía barbanzá

    BOIRO > A Cámara de Comercio de Santiago presentou esta mañá nas dependencias do concello de Boiro un estudo socioeconómico sobre os municipios da Barbanza e Porto do Son. Das súas conclusións derívase que a pesca e a actividade industrial son os motores económicos da zona mentres que as comunicacións internas na zona son o seu principal punto débil.

    Reponsables da Cámara de Comercio de Santiago e dos concellos do Barbanza, así como representantes de diversas asociacións e colectivos asistiron á presentación dun estudo socioeconómico que analiza as posibilidades de desenvolvemento nos concellos de Ribeira, Pobra, Boiro, Rianxo e Porto do Son. O obxectivo deste informe, elaborado polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) é impulsar a economía desta zona a través das alternativas de mercado existentes.

    Segundo as conclusións, produciuse unha evolución positiva na actividade económica durante os últimos anos grazas ó papel da pesca e as actividades industriais que constitúen os dinamizadores da zona. Así mesmo, cobra especial importancia o turismo pola presenza na comarca de importantes recursos naturais, culturais e paisaxísticos.

    Outro dato positivo a reseñar, neste caso relativo ás características poboacionais, refírese á elevada densidade de poboación nos municipios do Barbanza, con habitantes relativamente máis xoves e un maior índice de fecundidade.

    A parte negativa do estudo vén motivada polas deficiencias existentes nas infraestruturas de comunicación , tanto no transporte terrestre con alta dependencia das estradas convencionais, debido á falla de autovías, autopistas e ferrocarril, como nos importantes problemas nas comunicacións internas.

    Pola contra, a comarca dispón dunha importante oferta de chan industrial con moitas posibilidades de crecemento aínda que permanecen sen cubrir os complementos de servizos e de equipamento.

    O presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, destacou a importancia deste documento xa que abre o camiño para comezar a consensuar propostas. Neste sentido referiuse ós fondos que destinará a Unión Europea no vindeiro ano para o desenvolvemento de proxectos na zona.

    Jesús Asorey quixo aproveita-la ocasión para animar  ós boireses a seguir utilizando a antena cameral que dende hai uns meses instalouse no municipio posto que, ata o momento, non chegu ó cento por cen do seu rendemento.

    Pola súa banda, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, expresou o seu agradecemento á Cámara de Comercio e ó IDEGA pola elaboración deste estudo. Deira referiuse á necesidade de seguir traballando no desenvolvemento económico da zona, en conxunto, e prescindindo de localismos.

    Redacción Barbanza