O Museo do Gravado de Artes estrea a Biblioteca Ilustrada

RIBEIRA> O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participou este mediodía en Ribeira na inauguración da nova Biblioteca Ilustrada da que dispón o Museo do Gravado de Artes. Máis de tres mil volumes integran esta nova sección que nace coa vontade de seguir medrando.

Case dúas décadas despois da súa fundación, o museo do Gravado de Artes, en Ribeira, conta cunha biblioteca ilustrada. Coa inauguración desta nova sección, o promotor deste centro ve cumprido un dos seus soños coa posta en valor dos fondos que alberga a biblioteca ata o de agora non catalogados.

Do mesmo xeito, o actual director do museo foi en gran parte o responsable de que esta biblioteca vise a luz. Dende que asumiu a xestión hai dous anos, empeñouse en impulsar este proxecto que permite expoñer ante o público a inxente colección de libros ilustrados de que dispón o centro.

A colaboración entre administracións foi clave para que o proxecto chegase o bo porto. A Consellería de Cultura achegou cincuenta mil euros para a climatización do centro que permite a conservación dos fondos.

Pola súa banda, a deputación da Coruña asumiu os gastos da contratación dunha profesional que durante meses encargouse da catalogación dos fondos. Fondos dos que a partir de agora asumirá a conservación e mantemento o propio concello. A través dun contrato de cesión , a administración local será a responsable da xestión do centro por un perído de vinte anos.

Polo momento, a nova bilblioteca conta con tres mil volumes datados dende o século XVI. A intención é seguir medrando coa incorproación de novos fondos, proxecto para o que xa obtiveron o compromiso de colaboración da Xunta.