O concello de Boiro ampliará os cemiterios de Vista Alegre e Abanqueiro

    BOIRO > O executivo local pretende levar a cabo en breve a ampliación dos camposantos de Vista Alegre e Abanqueiro. Dende hai algún tempo está a manter contactos con empresas especializadas na construción e xestión de cemiterios, que xa presentaron varios proxectos para levar adiante esta obra. Neste sentido o Primeiro Tenente de Alcalde e concelleiro de Obras, Xoán Xesús Ares, confía en que na vindeira Comisión de Goberno se poida ter unha solución definitiva sobre este asunto.

    A ampliación dos cemiterios de Vista Alegre, en Boiro, e o de Abanqueiro son dúas obras moi demandadas polos veciños destas dúas parroquias sen que ata o de agora se lle dera dende o goberno local unha solución satisfactoria.

    A falla de acordo cos propietarios dos terreos nos que realiza-la dita ampliación ou mesmo a súa mala oreografía dificultaron a toma dunha decisión ó respecto.

    Co paso dos anos o executivo plantexouse outras posibilidades, polo que decidiu dirixirse a empresas especializadas na ampliación e xestión dos camposantos para que presentasen os seus proxectos co fin de estuda-los e darlle unha saída ó problema.

    Xoán Xesús Ares é consciente da necesidade de levar a cabo a ampliacion destes dous cemiterios, debido fundamentalmente ó importante aumento da poboación no municipio.

    Redacción Barbanza