BOIRO > O executivo boirés pretende levar a cabo en breve a ampliación dos camposantos de Vista Alegre e Abanqueiro. Dende hai algún tempo está a manter contactos con empresas especializadas na construción e xestión de cemiterios, que xa presentaron varios proxectos para levar adiante esta obra.Neste sentido o Primeiro Tenente de Alcalde e concelleiro de Obras, Xoán xesús Ares, confía en que na vindeira Comisión de Goberno se poida ter unha solución definitiva sobre este asunto.
A ampliación dos cemiterios de Vista Alegre en Boiro e Abanqueiro son dúas obras moi demandadas polos veciños destas dúas parroquias sen que ata o de agora se lle dera dende o goberno local unha solución satisfactoria.
A falla de acordo cos propietarios dos terreos nos que realiza-la dita ampliación ou mesmo a súa mala oreografía dificultaron a toma dunha decisión ó respecto.
Co paso dos anos o executivo plantexouse outras posibilidades, polo que decidiu dirixirse a empresas especializadas na ampliación e xestión dos camposantos para que presentasen os seus proxectos co fin de estuda-los e darlle unha saída ó problema.
Xoán Xesús Ares é consciente da necesidade de levar a cabo a ampliacion destes dous cemiterios, debido fundamentalmente ó importante aumento da poboación no municipio.
Redacción Barbanza